17/05/2007

VALDEORRAS TEATRO

 

  

VI Xornadas Teatrais de Córgomo 

Florencio Delgado Gurriarán

1.Por que as Xornadas Teatrais de Córgomo?

No ano 2001 os veciños de Córgomo, coa colaboración de Furafollas Agrupación Teatral de Barcelona, deciden recuperar a memoria do seu poeta Florencio Delgado Gurriarán, morto no exilio, e solicitarlle á Real Academia Galega que homenaxee ao poeta corgomés coa dedicatoria do Día das Letras Galegas do ano 2003, pois nesa data cumpríanse 100 anos do seu nacemento. Para isto organizan unha noite de poesía, música e contos dramatizados. O éxito foi tan importante que se animaron a repetir a experiencia cada ano, convidando a outros grupos de teatro afeccionados ou profesionais. Nestes seis anos de Xornadas Teatrais de Córgomo, non se acadou que a Real Academia Galega dedique a Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas, pero os veciños fundaron unha asociación cultural, FDG Cultural, publicaron un libro no que recolleron as mellores pezas do poeta, colaboraron na edición dun CD do cantautor Anxo Rei, no que lle pon música ás poesías de Florencio Delgado Gurriarán. Asemade, converteron a casa que pertencía á familia de FDG na Casa do Pobo, na que se levan organizadas conferencias e exposicións.

Hoxe en dia, as Xornadas Teatrais de Córgomo son un referente cultural indiscutible para toda a comarca de Valdeorras. A asociación cultural FDG Cultural é membro de Rede.cat de Barcelona

2. Obxectivos para as Xornadas Teatrais de Córgomo 2007

-Dinamizar culturalmente a comarca de Valdeorras, seguindo o exemplo que nos deixou o poeta Florencio Delgado Gurriarán, persoa comprometida co seu tempo e que procurou fomentar a vida cultural na comarca. Tamén se busca a implicación de toda a comarca nos actos que se celebren dentro das Xornadas Teatrais de Córgomo.

-Achegar a poesía, os contos tradicionais, a literatura en definitiva, á poboación de Córgomo e Valdeorras a través do teatro. Para iso créanse obradoiros de teatro, abertos e de balde para todos.

-Continuar demandando á Real Academia Galega que adique a Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas.

-Homenaxear cada ano a un membro da Real Academia Galega. Este novo obxectivo conseguirase dando a coñecer a obra da persoa escollida, xa organizando unha exposición na Casa do Pobo, xa convidando ao académico a coñecer as Xornadas Teatrais de Córgomo. Este ano preténdese que a persoa agasallada sexa don Xosé Luís Méndez Ferrín.

-Traer cada ano un grupo de teatro portugués. Seguindo a fuxida de FDG no ano 1936 por Portugal, preténdese afondar así na biografía do poeta corgomés e buscar tamén a irmandade coa cultura do país veciño.

-Potenciar a toponimia e os xogos tradicionais, que tanto reivindicou Florencio Delgado Gurriarán nos seus poemas. O deporte, a lingua e a poesía poden camiñar xuntos. A tal fin, Creáronse as Olimpíadas de Xogos Tradicionais e unha Carreira Popular pola Toponimia.

 

P R O G R A M A C I Ó N

As Xornadas desenvólvense ao longo dos días 25, 26, 27 e 28 de Xullo de 2007.

A actividade cultural comeza desde o dia 14 de xullo e até o día 28, todas as tardes e noites xúntanse os veciños, fan lectura de textos, constrúen unha dramaturxia e preparan unha montaxe teatral para as Xornadas.

25 xullo - 4 agosto

Exposición homenaxe X. L. Méndez Ferrín 

11:00 h. - 21:00 h. Casa do Pobo de Córgomo.

Xosé Manuel del Caño, autor de "Conversas con Mendez Ferrín" falará do autor e presentará a mostra.

 

Mércores 25 de xullo.

Tarde:

Carreira pola toponimia.

Os rapaces da vila organizan e trazan o percorrido da carreira, recuperando os nomes dos lugares por onde pasan, e que por distintos motivos vanse esquecendo. Florencio Delgado Gurriarán facía especial reivindicación da toponimia nas súas poesías. Este ano estenderase o percorrido ata as aldeas máis próximas (Portela, Baxeles, Arcos, Vilamartín). Aos participantes entrégaselles unha medalla, un diploma e unha camiseta co mapa do itinerario. En anos anteriores a participación superou as 50 persoas. É de prever que este ano se incorpore máis xente, persoas das vilas veciñas.

Noite

22:00 h.

O grupo teatral infantil do Colexio Xosé Manuel Folla Respino, poñeran en escena: "CAMAREIROOOOO", ca colaboración de Furafollas Agrupación Teatral de Barcelona e FDG Teatro de Córgomo.

22:30 h.

Furafollas Agrupación Teatral de Barcelona presenta o seu espectáculo, Os Troleiros de Provença. Dentro da actuación farase fincapé na celebración do Día de Galicia.

 

Xoves 26 de xullo.

Mañá

Olimpíada de xogos tradicionais:

Os rapaces, asesorados polos máis vellos, fabricarán e aprenderán a xogar á Billarda, aos Bolos, ao Espeto, ás Buracas, ao Rango e a outros xogos propios da comarca.

Tarde

Animación teatral polas ruas de Córgomo a cargo de Furafollas Agrupación Teatral e FDG Teatro de Córgomo.

Noite

22:00 h.

Quico Cadaval presenta o espectáculo “PANTASMAS FAMILIARES”

Quico Cadaval: Recoñecido pola crítica como un dos mellores contadores de historias de toda a España, ten alma de escoitar e aprender historias verdadeiras con pouca credibilidade da boca dos bohemios, dos solitarios, dos filósofos que frecuentaban a taberna da súa nai. "Cadaval fala ao mesmo ritmo que inventa. Alguén dixo que escrebe as súas histórias no aire e con esa intención anda a percorrer a Galiza, con historias fantásticas que parecen de sempre." (La Voz de Galicia / 2003)

Foi professor de interpretación da "Operação Triunfo" (Portugal, 2003).

 

Venres 27 de xullo.

Mañá / Tarde:

TEATRO PRA SEIS HORAS

Taller de expresión corporal cómico, 3 horas pola mañá e 3 horas pola tarde aberto ao público,Impartido por Pablo Sánchez, Carlos Sante e Xoaquín Domínguez, da Compañía San&saN da Coruña.

Contidos do curso:

Xogo dramático - presencia escénica - improvisación - clown - creación de personaxes - preparación física do actor- actuación física e movemento - loita escénica - máscara neutra - commedia dell'arte - voz e xogo vocal.

O curso está destinado a xente con ansia de aprender dun xeito rápido e efectivo as normas básicas do xogo teatral e escénico. Como vencer o medo escénico? Como potenciar a presenza en escena? Como comunicar mellor, como impactar? Como facer rir, como crear un personaxe? ... E todo a través da máis potente ferramenta: nós mesmos, coa nosa enerxía, corpo e voz, e a nosa imaxinación.

Farase tamén unha aproximación básica ó traballo físico do actor, integrando a preparación do corpo para a actuación, dinámicas no espazo escénico, comunicación simple e clara a través do xesto, exploración da voz e as súas posibilidades, a creación dun vocabulario de movementos e de accións básicas para crear imaxes e emocións en escena. Así mesmo, traballarase o teatro con máscara, a loita escénica e a commedia dell'arte.

Noite

22:00 h.

San & San presenta o seu espectáculo: “BAR”, un espectáculo cómico-patético sobre a condición humana nos bares. Deste modo definen “Bar” os membros da compañía San & San.

00:00 h.

Festicultores: agrupación musical, con musicas dos Balcáns (ao estilo dos filmes de Emir Kusturica), mesturada con músicas galegas, ca animación de Furafollas Agrupación Teatral e FDG Teatro de Córgomo.

 

Sábado 28 de xullo.

22:00 h.

Homenaxe aos máis vellos:

A finalidade desta homenaxe é agradecer e ter presente na memoria que o idioma está vivo grazas a aquelas persoas que o falaron nos duros tempos en que estaba prohibido. Entrégaselles un agasallo. (É o momento máis emotivo das xornadas)

22:30 h.

FDG Teatro de Córgomo:

Preparan unha dramaturxia a partir de contos tradicionais e ao redor da figura de María Mariño.

 00:30 h.

Terras do Bibei, Agrupación Musical.

Organizan:

FDG Cultural

Furafollas Agrupación Teatral

Colaboran:

Consellereia de Cultura da Xunta de Galicia.

Edicions Xerais

Edicions Sotelo Blanco

Fundacion Curros Enrriquez.

Rede.cat.

Posted by furafollas at 16:26:51 | Permanent Link | Comments (0) |
Comentarios
Escribir comentario